ClubEnsayos.com - Ensayos de Calidad, Tareas y Monografias
Buscar

Ollos de auga


Enviado por   •  14 de Mayo de 2020  •  Resúmenes  •  3.071 Palabras (13 Páginas)  •  1.569 Visitas

Página 1 de 13

OLLOS DE AUGA

Ficha:
Autor: Domingo Villar
Título: Ollos de auga
Editorial: Galaxia
Ano de publicación: 2006

TEMA
O tema da novela é a investigación dun crime, é dicir, é unha novela policíaca.

RESUME

O inspector de policía Leo Caldas, que compaxina o seu traballo coa participación nun programa radiofónico chamado Patrulla nas ondas, comeza a investigar un asasinato cometido nun dúplex da illa de Toralla, en Vigo.
A vítima, o saxofonista Lois Reigosa, é atopado espido na súa cama. Tras a autopsia, revélase que o asasino ou asasina inxectoulle formol no pene, causándolle un sufrimento prolongado até a morte. Ademáis, limparan todo o piso de posíbeis pistas, deixando soamente a metade dunha pegada nun vaso de xenebra, e o responsábel fuxira co coche da vítima.
Ante a escaseza de pistas, Leo Caldas decide comezar a investigación visitando a principal empresa produtora de formol da zona, Riofarma, cuxo propietario era amigo persoal seu . Alí, o distribuidor da zona, Isidro Freire, achégalles a Leo e ao seu conflitivo axudante, Rafael Estévez, unha lista cos hospitais compradores do tipo de formol que matara a Lois Reigosa.
Tras esta visita, os dous policías asisten ao enterro do morto, durante o cal a Leo Caldas chámalle a atención un señor de pelo extremadamente branco que se mantén apartado do resto dos asistentes. Pronto o perde de vista,

pero aproveita a ocasión para concertar unha cita cos músicos membros da banda de Reigosa: Arthur O´Neal e Iria Ledo. Quedan esa noite tras un concerto no pub Grial, e o inspector é informado da homosexualidade de Lois Reigosa, así como das súas habituais visitas a un local de ambiente, o Idílico.
Leo Caldas e Estévez diríxense esa mesma noite ao citado local, onde falan cun DJ chamado Orestes que se mostra asustado cando lle preguntan polo señor de pelo extremadamente branco que asistira ao enterro. Orestes insiste e que ten que volver ao traballo, e quedan en verse o día seguinte pola tarde.
Aproveitando a mañá, os policías comezan as visitas aos hospitais compradores do formol de Riofarma. Nos dous primeiros non teñen moito éxito, xa que a lista de homes con acceso e coñecementos sobre o formol que traballaban neses hospitais é moi extensa. Sen embargo, falando cunha representante da fundación Zuriaga, descobren que un dos médicos, Dimas Zuriaga, ten o pelo tan branco coma o misterioso home do enterro. Pedíndolle os datos de todos os médicos homes, Caldas marcha co propósito de visitar a ese doutor en concreto
Unha vez chegan á súa luxosa casa, os inspectores entrevístanse co doutor, pero este nega coñecer a Reigosa, e polo tanto tamén ter ido ao seu enterro, afirmando estar enfermo sen saír de casa dende hai varios días. Caldas decide presionalo e afirma ter unha testemuña que pode afirmar que se coñecían, pero o doutor bótaos de malos modos.
Esa mesma tarde, mentres agardan por Orestes nun bar, Leo lembra que ten que asistir ao seu programa radiofónico, e encárgalle a Estévez que vaia a buscar ao DJ, de non aparecer este. No transcurso da retransmisión, o axudante do inspector aparece con novas urxentes: Orestes fora asasinado no seu piso, mentres estaba no baño, por alguén ao cal lle abrira a porta voluntariamente. Investigando no seu apartamento, atopan no ordenador fotos que demostran que existía unha relación amorosa entre Lois Reigosa e Dimas Zuriaga.
Voltan, polo tanto, á casa do doutor, onde a muller de Zuriaga lles comenta a melloría do estado de saúde do seu home, pois tras a visita dos policías pola mañá, saíra facer uns recados. Isto fai ao doutor se cabe máis sospeitoso da morte dos dous mozos, polo que pasea con el polo xardín intentando conseguir algunha información. Cando Caldas amosa as fotografías, o doutor confesa ter mantido unha relación amorosa co defunto, e afirma estar sufrindo chantaxe por alguén que ameaza con sacar esas fotos á luz se non paga certas cantidades de diñeiro. Zuriaga levaba dende hai tres anos unha dobre vida, casado coa súa muller e mantendo unha relación homosexual con Lois Reigosa, e sabe que, como figura pública que é, a súa carreira afundiríase de coñecerse a verdade.
O inspector leva ao doutor Zuriaga a comisaría como sospeitoso. Formula unha teoría segundo a cal o doutor tería averiguado quen eran os responsábeis da chantaxe, e, ao descubrir que eran Orestes e o propio Reigosa, decidiu vingarse e acabar coa vida do seu amante, ao verse traizoado. Cando os inspectores o visitaron pola mañá, intentaron presionalo afirmando ter unha testemuña de que o músico e el se coñecían, e o doutor, atando cabos, supuxo que sería Orestes e decidiu eliminalo. Confirmando esta teoría, atópase unha pegada do doutor dentro do guante que se utilizara para matar a Orestes. Zuriaga é detido e dáse por sentado que será declarado culpábel.
Bebendo nuha taberna en compaña duns catedráticos, Caldas lembra que lle resultara sorprendente o libro que Reigosa tiña na mesiña de noite: un volume de filosofía de Hegel. Os catedráticos mencionan a tese que defendía Hegel: que a dor é algo positivo se é causa de arrepentimento. Esa frase resúltalle familiar a Leo, pois o día que descubriran o cadavre de Reigosa un home que dicía chamarse Anxo telefonara ao programa de radio no que participaba o inspector tan só para dicir esa cita. Inmediatamente, chama a radio e intenta localizar a chamada en cuestión. Logra averiguar que fora realizada dende unha cabina pública situada no hospital Zuriaga. Todas as pistas parecen sinalar definitivamente ao doutor, pero Leo considera sospeitoso o feito de que o asasino deixase pistas tan obvias que permitisen relacionalo co crime. Por tanto, está convencido de que alguén trata de inculpar ao doutor.
Caldas sospeita de Isidro Freire, xa que estaba desaparecido dende o día en que falaron con el, e rexistráranse numerosas chamadas entre o doutor Zuriaga e el. Diríxense de novo á mansión do doutor para averiguar feitos que puideran pasar por alto, pero ela négase a responder acusándoos de estragarlle a vida ao seu home e máis a ela. Ao abrir a porta para marchar, aparece o can de Isidro Freire e por fin sae á luz a verdade. A muller de Zuriaga descubrira había ben tempo a relación do seu marido co saxofonista, pero decidira finxir que non sabía nada para continuar coa súa cómoda vida. Tempo despois, iniciara un romance con Isidro Freire, conseguíndolle un posto de traballo en Riofarma. Esta situación mantivérase ata que había unhas semanas descubrira a chantaxe que sufría o seu home, e, ante a posibilidade de que este decidise abandonala e facer pública a súa relación con Reigosa, decidiu tomar cartas no asunto e facer desaparecer ao amante do seu marido facendo parecer culpable a este último. Para iso, localizou ao extorsionador e intimidouno para que cesara a chantaxe. Convenceu ao seu amante, Isidro Feire, para que seducise e asasinase coa súa axuda ao saxofonista. Despois de borrar todas as pegadas, salvo a do vaso, abandoaron a illa cada un pola súa conta, queimando o coche do defunto. Tras o asasinato, encargáronse de deixar as pistas que sinalasen cara o doutor: o libro de Hegel e a chamada dende o hospital. Orestes, baixo o control da muller de Zuriaga, informouna de que uns policías andaban a procurar información sobre Reigosa e o doutor. Ela decidiu que debía desfacerse de Orestes tamén, foi ao seu apartamente e matouno disparando cunha man dobremente enguantada: por riba do seu guante levaba un usado polo seu marido, para que as pistas o sinalasen a el. Leo saca á luz a verdade, frustrando así os plans de Mercedes e o seu amante Isidro Freire.


VOZ NARRADORA
A voz narradora presente na novela é en 3ª persoa , xa que non participa na historia, é allea a ela. Presenta unha omnisciencia selectiva, xa que ten pleno coñecemento da percepción dos feitos de tan só unha das personaxes, o protagonista, Leo Caldas. A historia é contada a través dos seus ollos e os seus pensamentos, de forma que ignoramos aquilo que el non percibe ou descoñece. Cando se contan as opinións ou as percepcións doutras personaxes, é porque Caldas xa as coñece de antemán, como ocorre co cariño que lle garda o seu pai ao seu amigo da infancia, Moncho Feire.


PERSONAXES
Principais
-Leo Caldas : Traballaba baixo o mando do comisario Soto como inspector nunha comisaría. Foi o que levou a cabo a investigación da morte de Lois. Aínda que era más coñecido por Vigo por traballar en Onda Vigo.  

...

Descargar como (para miembros actualizados)  txt (18.3 Kb)   pdf (73.9 Kb)   docx (15 Kb)  
Leer 12 páginas más »
Disponible sólo en Clubensayos.com